Land Rover. Suso de Toro

Posted Maio 18th, 2013 by María

 

(…) Deixa que me dea o aire. Que fresco, dá gusto. Escampara había un rato e viña un recendo a herba húmida. Daba gusto respirar polo nariz, que fresquiño nas ventas. Cando estás algo colocado é cando máis se notan estas cousas. Arrancou un esgarro con forza, a vibración áspera na gorxa, lanzouno cara a un lado, foi caer fóra do circo de luz. Que silencio. Apretou algo a gravata e colocouna ben no seu sitio. Por frente del vía pasar de cando en vez as luces dalgún coche pola estrada, atravesando transversalmente o espacio da noite. Detrás sentíanse as conversas dos clientes e as camareiras. A ver que tes aí, a ver que tes aí. Paga e verás, paga e verás, ha, ha. Agora sentía ganas de mexar, un formigueo e un peso duro no ventre. Apetecía unha mexada ao aire libre, poucas cousan prestan tanto. No aparcadeiro. Saíu do circo de luz e camiñou cara á dereita, polo frente do edificio, atoutiñante e apoiando a man no muro, qué escuro, dobrou a esquina, tropeza cunha moto arrimada ao muro, carallo, case lle tiro a moto. Parou, aquí vale, arrimouse á parede branca que case non reflexaba luz. Remexeu na bragueta e sacouna con movementos torpes, mirou cara a abaixo, non se vía o chan, todo escuro. Mirou cara a arriba, o ceo negro, máis negro que dios. Xa saía, un abondoso chorro* quente. O mexo ao caer facía un ruído raro, opaco, coma se batese nun saco. Sacudiuna con calma e gardouna, qué había alí tirado, todo negro, non se vía nada. Adiantou o pé e tropezou en algo brando. Deulle co pé outra vez. Cacheou lixeiro os petos e sacou un acendedor, anicouse algo, cheiraba ao mexo, e prendeu. Unha cara tirada no chan miraba fixo por un ollo aberto. Saltou para atrás, case cae. A dous pasos de distancia volveu prender o acendedor. Era un home tirado. Morto. Botou a correr, tropezou coa moto e caeron os dous. Ergueuse como puido e dobrou a esquina coxeando e medio dobrado, cunha man fregando na perna.

     -¡Un morto! ¡Hai un morto! -berraba.

 
*xorro no orixinal
 

Suso de Toro, 1988. Land Rover, Vigo: Xerais

 


Sorry. Comments are closed.




Note: This is the end of the usable page. The image(s) below are preloaded for performance only.