Colacao. Suso de Toro

Posted Maio 16th, 2013 by María

Colacao

Boeno, disque eran mal levados. El disque lle daba malleiras, e claro… Non. Arrear, arreáballe, que dunha vez disque a mandou ao hospital. E o conto é que ela fartouse. Pois non sei, el antes vendía o cupón, non sabes, pero dáballe ao alpiste. Aí a eso das oito da tarde xa che estaba peneque. E ademais era faltón, que non penses ti que porque era cego… collía de bastón e veña bastonadas. Ai, tamén lle teñen arreado a el, tenas levado boas, que a min dáme reparo sacudirlle a un cego, pero tamén se se pon chulo… Porque un tipo deses arréache unha bastonada e que? Ai si, ti falas moito pero queríate eu ver no sitio, non penses que era unha calcomanía, que era un tiparraco… Mira, coma aquel da gabardina azul, pero máis ancho, si, o do periódico. Pero máis ancho. Érache unha mula de carallo. Botábache unha man e adiós muy buenas. Pois o tipo era mal levado con todo quisque. Estaba pelexado cos veciños, aos fillos arreáballes cada chaquetilla de medo, e á muller, xa ti ves… Pois o jicho tiña un can deses pequenos, un marilín deses, e disque lle quería coma se fora un fillo. Boeno, tes razón ti, coma un fillo non, quereríalle algo mellor. Pois o choio é que para o can, todo veña aloumiños, a mellor comida, e á familia hostias. E o caso foi ese, que a muller fartouse e, hala. Pois si señor. Así mesmiño. O tipo chega pola mañá, senta na mesa a almorzar, vai a muller, ponlle diante, coma sempre, unha cunca con colacao, así como temos nós aquí estes vasos, e vai o tipo, bota man da cunca, bebe… Tan tranquilo, oes, pero logo, vai, empeza a retorcerse e, pamba, espichouna. Á pataqueira. E vai ela e mandou o can detrás, meteulle o mesmo na comida. Se cadra, o animaliño ladroulle por facerlle mal ao amo ou así. Os animais teñen moito entendemento, téñenche moito instinto. O caso é que ela preparouno tamén. Non, caer, hanlle caer uns anos. O malo é dos rapaces.

 

De Toro, Suso, 1986.  Polaroid, Vigo: Xerais

 


Sorry. Comments are closed.




Note: This is the end of the usable page. The image(s) below are preloaded for performance only.