O Suso. X. L. Méndez Ferrín

Posted Abril 15th, 2013 by María

O Suso

A voz do Suso chegou a min fortemente, como unha corneta que rinchase:

 -Manolito. Baixa. Baixa.

Eu obedecín. Todos os rapaces da Barbaña obedeciamos ao Suso. Il era sorprendente. Tiña uns ollos escuros; ollos de animal de baixoterra, opacos, fixos. Non era posíbel deixar de cumprir os seus desexos. Il non mandaba, simplesmente desexaba. Estivera tirando pedriñas contra os vidros do meu cuarto. Eu abrira a fiestra e el berroume duro:

-Manolito. Baixa. Baixa.

Baixei. Desencolgueime pola vella cepa, máis vella que o meu avó, aquela tan vella que facía garda inmóbil na porta da nosa casoupa da Barbaña.

-Hai un rapaz no río -díxome o Suso.

Eu non lle demandei se é que o rapaz afogara. Pero voltei a testa, inquirindo, como a testa dunha víbora. Respondeume:

-Está cerca da Pasarela. Ten os ollos abertos… Éche un rapaz.

Detívose e preguntoume pregando o entrecello:

-Tes medo?

Ía eu premitir que o Suso supuxera aquilo? En verdade tiña medo.

Pero o caso é que tódolos rapaces da Barbaña tolearían de pracer se Suso os fora tirar do leito ás dúas da mañá para ir ver un afogado. E eu mesmo sentía un pracer xugoso e doce, coma se mordera unha grande mazá que me enchera a boca.

Pro eu tiña medo e sabía que chegado o intre había ter aínda máis medo. Díxenlle:

-Non. Non teño medo. E logo?

Puxémonos a andar á beira do río.

A néboa era lixeira, coma un cristal algo suxo. Facía frío. Saíra con roupa de menos e cando me din de conta daba dente con dente.

-Estou aterecido, Suso.

Il non respondeu. Agora que recordo xa non dixo máis nada en todo o tempo que durou o noso camiñar á beira do río.

Daba eu un paso e un medo novo botábame unha poutada igoal que un gato bravo, alritado.

O río da Barbaña fede: alí concéntrase toda a merda de Ourense.

Ergueuse vento e tiven máis frío. Pero, sobre de todo, molestoume o grande rumor dos canavais, axitados coma unha cabeleira erecta que berrase. Fixeime no Suso. O Suso sempre tranquilizaba coa cara morena e fina que il tiña e os xeitos seguros. E a ponto estiven de berrar: o Suso ía coa cabeza baixa, camiñando con pasos inseguros, todo denotando nil inseguridade. Fiquei perplexo e pareime, cos ollos moi abertos. Il non fixo nada máis que isto: olloume fixamente, fixamente. Como soio il sabía ollar. Eu recuperei a calma no acto.

Saquei dous pitos que lle roubara ao meu pai. O Suso dixo que non coa cachola. Eu acendín un. Pareime. O Suso seguía a andar. Dinme de conta de que as pegadas do Suso non erguían absolutamente ningún bruído e por segunda vez estiven a ponto de berrare… Pro mordín o labre inferior e seguín, notando que un delgado sangue me escoaba polo queixo. O Suso parouse. Estaba algo lonxe de min, enriba dunha cañería de formigón armado. Pareceume alto e lonxe. E moito. Berroume como adoitaba berrar, como unha corneta:

-Manolito. Xa chegamos. Está na orela. Ti busca por alí. Eu vou por alá.

As últimas palabras removéronme e puxéronme carne de galiña. Tatexei:

-Non… Non…

E il repitiu:

-Eu vou por alá.

Vin desaparecer os seus ollos opacos e poderosos. Foise.

E eu púxenme a buscar o rapaz afogado ao resplandor escasísimo que viña do bairro do Couto.

O vento rizaba a iauga porca da Barbaña. E batíame o fedor na cara coma unha suxa mao. Metín un pé no río e mordeume un frío agudo.

E atopei ao rapaz afogado, na beira, a flor de auga.

Foise o medo inexplicabelmente.

Era un rapaz -visto antre a néboa, antre a iauga, á luz lonxana do Couto- de proporcións parellas ás do Suso ou ás miñas. Chamei:

-Suso. Suso. Suso.

Fungaban -iso si- as canas, pero o Suso non me respostou.

-Suso. Suso. Suso.

Dinlle a volta moi asustado, pro sen medo. Dinlle a volta. O rapaz afogado tiña ollos de animal de baixoterra. Tiña os ollos do Suso. Tiña a ademirada cara do Suso. O rapaz afogado era o Suso.

Botei un berro liso e longo como unha lombriga. A néboa espesara. O vento quería fender os canavais. Voltei a berrar e o berro foi outra vez longo e repulsivo. Caín. Erguinme. Iniciei unha carreira cega.

Ao final da miña fuxida de pequena besta horrorizada, estaba a miña casa. E metinme na cama acorado e molladísimo.

Pasou o tempo.

Pasou o que quedaba de noite, nun estado de semi-inconsciencia.

E toda a rapazallada do bairro comenzou a berrar embaixo da miña fenestra:

-Manolito, Manolito. O Suso afogou onte no río. O Suso afogou onte no río.

Erginme e mirei o río. Era día grande. Non había néboa.

 

Xosé Luís Méndez Ferrín, O crepúsculo e as formigas, 1961


Fonte: Xosé Luís Méndez Ferrín, 1991, O crepúsculo e as formigas, Vigo: Xerais (pp. 39-43)

 


Sorry. Comments are closed.




Note: This is the end of the usable page. The image(s) below are preloaded for performance only.